XVI Semana de Cine Submarino
Descargar el folleto en formato PDF
Del 22 al 24 de noviembre de 2006, con las siguientes películas:
Mércores 22
ENTRE TIBURÓNS MARTELO
Gran Bretaña: 50 minutos. Español
Fotografía: Mike Fox. Bob Cranston. Mike de Gruy. Howard Hall. Peter West.
Produción: George Chan para BBC Worldwide Televisión.
O máis estraño dos tiburóns é o chamado martelo ou cornuda. Coñécense oito especies destes escualos, e os individuos máis grandes chegan a alcanzar os 6 metros de longo e a pesar unha tonelada.
As maiores concentracións de tiburóns martelo teñen lugar no océano Pacífico, onde o biólogo mariño Kim Hollan leva 20 anos estudándoos; concretamente, nas augas das illas Hawai, a onde acoden as femias para parir as súas crías. O número de tiburóns que patrullan preto das illas está calculado en 10.000, e aínda se consideran un misterio as grandes agrupacións que circundan os montes submarinos. O sentido de orientación dos tiburóns martelo está moi desenvolvido grazas aos poros eléctricos da súa peculiar cabeza que, cunha ampla frecuencia de varrido, tamén utilizan para detectar presas.
ENCONTROS NAS PROFUNDIDADES
Estados Unidos: 52 minutos. Español
Guión, dirección e fotografía: Howard Hall
Produción: Partridge Films Production
As criaturas mariñas están sempre en constante loita pola supervivencia, desenvolvendo tácticas incribles para cazar ou librarse dos seus depredadores. Neste mundo onde todo vale, aparecen animais con veleno letal e outros capaces de camuflarse das formas máis variadas.
Os que se atopan no cumio da cadea tródica, como os tiburóns, atacan directamente as súas presas. Pero o curioso deste documental son outros grandes depredadores: as luras xigantes alcanzan tres metros de longo e chegan a pesar 100 kilos. Estes monstros ascenden desde as profundidades para alimentarse en augas próximas á superficie. A súa agresividade lévalles a atacar todo o que atopan por diante; incluso tiburóns, persoas, ou os seus mesmos conxéneres. As luras de menor tamaño ascenden dúas veces ao ano á superficie pero non para alimentarse, senon para o derradeiro acto da súa vida: o ritual de apareamento.
Xoves 23
MERGULLÁNDOSE NAS GALÁPAGOS
Gran Bretaña: 30 minutos. Español
Fotografía: Tom Fitz y Peter Kragh
Produción: James Honeyborne para BBC Worldwide Television.
É moi difícil para un ser humano emular as inmersións de moitos animais anfibios que dependen do medio mariño. Só uns poucos privilexiados ben adestrados, como a recordwoman do mundo de mergullo en apnea Tanya Streeter, nos poden demostrar o contrario. No escenario insólito e de aspecto prehistórico das illas Galápagos, a campioa das profundidades somérxese coas iguanas mariñas para observar as habilidades en apnea destes réptiles, e o mesmo cun endémico corvo mariño non voador na súa batida de caza. As inmersións repítense acompañando a tartarugas e pingüíns, pero o máis espectacular acontece cando Tanya se une a un grupo de leóns mariños, seguindo as súas evolucións e participando do seu comportamento lúdico, igual ca unha serea que forma parte dunha harmoniosa coreografía subacuática.
ANTÁRTIDA A VIDA NO LÍMITE
España: 45 minutos. Español
Guión y Dirección: Jose Antonio Moya
Realización y Postprodución: María Jesús Ortiz
Banda sonora orixinal: Vicente Ruiz e Pepe Bornay
Asesora científica: Ana Ramos
Durante o verán austral dos anos 1994 e 1995, un equipo de biólogos mariños iniciou unha das aventuras científicas máis apaixonantes. Este grupo de investigadores pretendía desenvolver o proxecto Bentart co obxectivo de realizar o estudo integrado da fauna mariña da península antártica.
Os resultados permitiron coñecer un lugar inexplorado e especies novas para a ciencia.
No ano 2003, o equipo decidiu continuar a súa exploración cara ao sur, ata o mar xeado de Bellingahusen. A bordo do buque oceanográfico Hespérides, a trinta graos baixo cero, con robots submarinos, mergullándose baixo o xeo e estudando os fondos mariños a máis de mil metros de profundidade, o equipo, liderado pola bióloga Ana Ramos, asómase a unha parcela descoñecida do noso planeta.
Esta é a historia do tesón humano na súa procura do coñecemento científico.
Venres 24
AS PROFUNDIDADES DO AMAZONAS
Gran Bretaña: 52 minutos. Español
Fotografía: Matt Normay. Michael Pitts. Keit Schofield. Florian Graner.
Director de serie: Steve Greenwod.
Produción: Ted Oakes para BBC Discovery Channel Production.
Unha expedición científica equipada con material de avanzada tecnoloxía intérnase no río Amazonas nunha viaxe de 3.200 quilómetros para estudar zonas recónditas, aínda non exploradas, onde existen as criaturas máis estrañas e feras do mundo. Nos canóns do río Negro, con rápidos e correntes perigosas, atópanse caimáns que superan os 200 quilos, o peixe gato xigante, anguías eléctricas capaces de descargar 600 voltios e as serpes máis grandes do planeta. A bordo dun moderno batiscafo, a máis de 40 metros de profundidade, os científicos descobren nas turbias augas varias criaturas endémicas, entre elas uns peixes máis voraces e perigosos cás pirañas.
OS MARES DOCES DE GALICIA
Galicia: 32 minutos. Galego
Guión, Dirección y Fotografía: Manuel E. Garci
Produción: Control Z.
Este documental céntrase na orixe do ecosistema fluvial de Galicia, formado por máis de 30.000 km de cursos de auga, que teñen unha profunda relación co mar. O océano Atlántico é o verdadeiro nacemento dos miles de regatos e ríos, xa que é este quen coa súa actividade se encarga de que as borrascas descarguen millóns de litros de auga doce nesta terra. Ademais, amósanse as especies máis representativas nos distintos tramos dos ríos, as súas relacións interespecíficas e os distintos hábitats necesarios para que tales especies completen o seu ciclo biolóxico.
Dúas destas especies, a lamprea e o salmón atlántico, grandes migradores mariños, desvélannos que é o que veñen facer todos os anos aos nosos ríos. Co seu complexo ciclo biolóxico, fan que o mar e os ríos sexan un só ecosistema intimamente relacionado. Formúlase, tamén, o porvir desta unidade ecolóxica sobre a que planean múltiples ameazas, e que son unha realidade que xa forman parte dela.
INVITADOS
José Antonio Moya estudou Imaxe e Son na Universidade de Alicante onde exerce como profesor de Comunicación Audiovisual. Realizou máis de cen documentais submarinos, entre os cales destacan as series La España Sumergida de TVE, Andalucía submarina de Canal Sur, Vent de Mar de TVV e Cota Cero de VOX e TVE.
Traballou en Filipinas, Túnez, Sáhara, Grecia, Turquía, EEUU, Perú, Chile, Panamá, Ecuador etc.
Antártida a vida no límite, para TVE, é o seu último traballo, premiado na Bienal Internacional de Cinema Científico de Rolda, na Mostra Internacional de Cinema e Vídeo Submarino da Palma e na Bienal de Cinema e Vídeo Científico de Zaragoza.
Para realizar este traballo participou en catro expedicións á Antártida entre os anos 1994 e 2006.
Francisco Javier Cristobo é doutor en Bioloxía e doutor Europeo pola Universidade de Santiago de Compostela.
Ten publicados 10 libros e 41 artigos en revistas científicas nacionais e internacionais, ademais doutras colaboracións.
Participou como investigador en 26 proxectos de investigación subvencionados, realizou estadías na maioría dos centros de investigación europeos, expedicións científicas en Ferrol, Portugal, Namibia, Sudáfrica-Cabo Verde e na Antártida.
É profesor de bioloxía da Escola de Mergullo Científico, e do Igafa (Xunta de Galicia), profesor de Acuicultura da Facultade de Ciencias do Mar da Universidade de Vigo, asesor científico e cámara submarino para TVE. Investigador do Instituto de Acuicultura da Universidade de Santiago de Compostela, é xefe da Estación de Bioloxía Mariña da Graña (Ferrol).
Francisco J. Rocha Valdés é licenciado en Ciencias en Bioloxía na Universidade de Chile e na de Oviedo. En Ecobiomar (Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo) desenvolveu o seu labor investigador ata 2005. Participou no estudo de gran cantidade de especies de cefalópodos, incluíndo exemplares de lura xigante atopados en Asturias, sobre as que publicaron numerosos traballos científicos. Participou en 18 proxectos internacionais e convenios de investigación. Ten publicado un total de 52 artigos científicos. Editor adxunto de sete volumes da revista científica Iberus da Sociedade Española de Malacoloxía, é profesor da Universidade de Vigo e ditou clases en diversos cursos, tanto de carreira como internacionais e de ciclo de doutoramento nas universidades de Chile, Pontificia Universidade Católica de Chile, Nacional Andrés Belo, Austral de Chile e de Vigo. Actualmente está contratado no grupo de Zooloxía Mariña (Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal) da Universidade de Vigo.
Manuel E. Garci é licenciado en Ciencias Biolóxicas pola Universidade de Santiago de Compostela. Funcionario de carreira do Ministerio de Educación e Ciencia, destinado no Departamento de Ecoloxía e Biodiversidade Mariña do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo, participou na elaboración dos documentais da serie Galicia en clave natural da TVG, A expedición Ardora de TVE en Galicia, O medio mariño da Ría de Vigo do Concello de Vigo e O Mexilón da Xunta de Galicia.
Realizou traballos de gravación e fotografía para a elaboración das exposicións permanentes do "Ecosistema Litoral de Galicia" do Parque Natural de Corrubedo, "A Lamprea" do Centro de Interpretación da Lamprea de Arbo, "O medio mariño de Galicia" proxecto Galicia Dixital en San Martiño Pinario, "Simple Mussel Exhibition" do Museo de Ciencias Naturais de Bélxica, e Museo do Mar de Galicia en Vigo.
Elaborou material gráfico para o seu uso científico e didáctico realizando corenta campañas oceanográficas en augas de España, Portugal, Francia e as illas Malvinas.
|